Cerdedo-Cotobade solicitará á Deputación axudas polos danos dos temporais
Por Oskar Viéitez
O grupo de goberno de Cerdedo-Cotobade vén de presentar tres mocións para o seu debate na sesión plenaria deste xoves, polas que solicita á Deputación que se active un protocolo de persoal e maquinaria para actuar de xeito inmediato cando o Concello lle comunique as súas necesidades, tamén solicitan que a administración provincial active unha liña de axudas para a reparación dos danos causados polos temporais do pasado mes de febreiro.
Xa en materia de infraestruturas, o executivo local reclama a mellora da estrada EP-7102, entre Serrapio-Quireza-Portela, xa que o paso do tempo, o uso, a meteoroloxía e a "paralización das actuacións previstas" están a causarlle un importante deterioro que "perxudica á seguridade vial e causa incomodidades aos seus usuarios".
Ao respecto, solicítase a execución do proxecto de ampliación, a conclusión das tarefas de ensanchamento e mellora do firme entre a ponte de Serrapio e Fondós, a súa pavimentación, o ensanche do treito Bugarín-Fondós, a limpeza de cunetas e a dotación de sinalización e medidas redutoras de velocidade nos núcleos ao tempo que se procede á súa humanización.
Finalmente, pide a mellora e ampliación do vial entre A Escuadrada e Caroi, que une o municipio da Lama co territorio de Cotobade. En concreto, demándase ao organismo provincial que proceda á execución do proxecto de ensanchamento e, especialmente, actúe na problemática curva de A Barbeira de Arriba, cuxa corrección tamén é esixida polo Concello da Lama. Asimesmo, a solicitude complétase coa necesidade dunha nova sinalización vertical e horizontal, a adopción de medidas de seguridade vial e reducción da velocidade e a mellora dos núcleos polos que transcorre o seu percorrido.
Relacionadas:
-
Carmela Silva lembra que as axudas polos danos dos temporais son competencia da Xunta
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación contesta á Xunta polos temporais: "isto é o mundo ó revés"
Por Oskar Viéitez |
-
A Xunta pide á Deputación que habilite axudas por emerxencias a explotacións agrarias e invernadoiros
Por Oskar Viéitez |
-
Populares e socialistas, á gresca polos danos dos temporais
Por Oskar Viéitez |