Unanimidade en Ponte Caldelas para que os petróglifos galegos sexan Patrimonio da Humanidade
Por Redacción
Ponte Caldelas solicitará á Xunta de Galicia que inicie os trámites diante da UNESCO para que a arte rupestre galega sexa declarada como Patrimonio da Humanidade. Así o aprobou por unanimidade a corporación municipal.
A moción, presentada polo goberno local, reitera tamén outra xa aprobada a finais do ano pasado pola que se esixe da Xunta de Galicia a colaboración técnica e material para o mantemento e promoción da área arqueolóxica de Tourón que, a pesar de contar coa declaración de Ben de Intereses Cultural (BIC), está exclusivamente a cargo do Concello.
Neste punto, o Partido Popular propuxo que o Concello faga as xestións necesarias para a ampliación da área arqueolóxica de Tourón coa inclusión dos gravados que apareceron nos últimos anos nos arredores.
Durante o pleno, o goberno rexeitou a urxencia dunha moción-tipo do PP, que está a presentar en todos os concellos da provincia, para pedir un protocolo de emerxencias e unha partida de subvencións para paliar os danos producidos polos temporais. Foi rexeitada a urxencia, alegando que as emerxencias son unha competencia exclusiva da Xunta de Galicia.
O PP considera "dictatorial e caciquil" que Andrés Díaz non incluíse a moción na orde do día. Aseguran que presentou en tempo e forma a moción para instar á Deputación Provincial a crear un protocolo de actuación ante os temporais e de liñas de axuda para os concellos, "a cal non foi incluída por capricho de Andrés Díaz".
O último asunto aprobado foi un recoñecemento extraxudicial de facturas de servizos prestados no ano 2016, pero que foron presentadas con retraso polas empresas, xa en 2017.
Entre elas a da empresa redactora do PXOM pola corrección nos planos para adaptalos á nova Lei do Solo de Galicia. A factura, aínda que tivera entrada en 2016, foi rectificada a posteriori por defectos formais. O asunto foi aprobado polos grupos municipais do PSdeG-PSOE, AVP e BNG, coa abstención do PP.
Relacionadas:
-
Escolares do CEIP A Xunqueira 2 descobren a arqueoloxía de Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
Posta a punto para "darlle pulo" á área arqueolóxica de Tourón
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas apoia a declaración dos gravados rupestres como Patrimonio da Humanidade
Por Redacción |
-
Seguindo as pegadas dos nosos tataratataravós
Por Redacción |
-
Nova sinalización para a área arqueolóxica de Tourón, entre críticas ao abandono da Xunta
Por Redacción |