Falece o escritor José Luis Sucasas ao caer da súa bicicleta na Illa da Toxa
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Un home de 58 anos falecía esta tarde no municipio do Grove tras sufrir unha caída da bicicleta na que circulaba. A vítima ía polas proximidades do campo de golf da Illa da Toxa cando se rexistraba o fatídico incidente. Segundo a información que manexa o servizo de Emerxencias do 112 Galicia non houbo outro vehículo implicado no suceso.
Ata o lugar onde se producía o accidente mobilizouse un helicóptero medicalizado. Con todo, os efectivos de emerxencia non puideron facer nada por salvar a vida do ciclista.
Foi un particular o que alertou do que acababa de suceder ao 112 Galicia minutos antes das 18.00 horas deste sábado. O particular alertaba xa de que a vítima non reaccionaba a pesar dos intentos por reanimalo.
O persoal do Centro de Atención ás Emerxencias do 112 informaba a Urxencias Médicas, aos Bombeiros do Salnés e ao GES de Sanxenxo, ademáis de alertar á Policía Local e aos membros de Protección Civil.
Os primeiros indicios fan supoñer que a vítima sufriu unha indisposición mentres pedalexaba que lle provocou o falecemento.
Segundo a información que publica Praza Pública, a persoa falecida neste suceso é José Luis Sucasas, economista, enxeñeiro e escritor de Lalín onde fora concelleiro do BNG. É autor das novelas O paxaro que ninguén ve (2002), Soñaron buratos na terra (2003), Pena Furada (2012) e Nunca foi día de todo (2014) ademais do ensaio Outra vaca no millo (2010)