Lores: "Se Bará vai ao Parlamento, terá que deixar o Concello. Ambas cousas son incompatibles"
Por Alejandro Espiño
"Bará está perfectamente integrado no organigrama municipal, ten responsabilidades importantes e a decisión aínda non está tomada". Así resume o alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, a situación á que se enfronta o grupo municipal do BNG ante a hipotética marcha de Luís Bará ao Parlamento Galego. Tería que substituír a Carlos Aymerich, que anunciou a súa próxima dimisión por discrepancias coa liña do partido.
Precisamente esta decisión determinará o futuro inmediato de Bará, xa que segundo indicou Fernández Lores, tras concretarse a súa saída, "tomaremos a decisión pertinente, pero con calmiña, que nós non tomamos decisión a correr". Neste sentido, o alcalde sinala que "temos que barallar o que é mellor para todos" e que será algo consensuado entre o BNG e o grupo municipal, "e por suposto Luís tamén terá algo que dicir".
En todo caso, Miguel Fernández Lores sinalou que se Bará substitúe a Aymerich terá que abandonar obrigatoriamente o Concello de Pontevedra. "Ambas cousas son incompatibles", dixo, ao entender que o cargo de deputado require "atención absoluta". E máis coa actual organización do BNG porque "esixe coñecer ben os temas, ter contacto coa cidadanía e patear parte do país". Outra cousa sería, sinalou, "que fora concelleiro da oposición".
Aínda que hai apenas cinco meses, a asemblea local do BNG tomou a decisión de propoñer a Luís Bará para o Parlamento Galego, agora haberá que reevaluar esta cuestión. "Cambiaron moito as cousas", afirmou Fernández Lores. "Temos que rebobinar porque ten moitos proxectos en marcha". Pero destacou que estea onde estea "vai a traballar igual de ben que sempre, porque está capacitado para facer todo tipo de traballo".
Con respecto á dimisión de Carlos Aymerich, o alcalde de Pontevedra limitouse a dicir que é unha decisión "persoal e intransferible", pero recordou que no último consello nacional non comunicou a súa marcha, afirmando "que estaba no BNG aínda que non compartira os posicionamentos acordados".
Sexa como sexa, sinalou que o BNG é unha forza "plural e ampla" e que nela "caben moitas posibilidades sempre que se manteña unha cuestión fundamental, o sentimento nacionalista e a defensa do país por encima de calquera outra cousa". A partir de aí, dixo, "hai variedades orquestais, tanto na oscuridade como na claridade".