Detido un home polo incendio e o roubo nun restaurante de Lantaño
Por Oskar Viéitez
A Garda Civil detivo un veciño de Portas, JM.M.S., de 39 anos, como presunto autor dun incendio intencionado e un roubo que supostamente cometería durante os últimos meses nun restaurante situado na parroquia de Lantaño, neste municipio.
Fontes oficiais do instituto armado informaron que, o pasado mes de decembro, o propietario deste coñecido restaurante denunciou que lle subtraeran boa parte da instalación eléctrica do establecemento (enchufes, interruptores, focos, etc.), causándolle cuantiosos danos materiais no local. Ao mesmo tempo, apareceran varias pintadas no exterior do inmoble reivindicando o pago dunha suposta débeda.
Por mor das investigacións levadas a cabo polo Equipo de Investigación da Garda Civil de Vilagarcía de Arousa, en estreita colaboración cos efectivos do posto de Caldas de Reis, púidose desmontar a coartada das pintadas, dada a aparente solvencia económica do propietario. Iso fixo pensar, desde un principio, que o autor do roubo pretendía desviar as sospeitas sobre algún dos antigos empregados do restaurante.
Durante o transcurso da investigación produciuse un novo incidente de características similares no mesmo establecemento, cando hai uns quince días sufríu un incendio supostamente intencionado e no exterior apareceron de novo outras pintadas coa mesma grafía, co mesmo cor e similares textos reivindicativos.
Este novo contratempo reforzou as sospeitas sobre unha das persoas que estaba investigando a Garda Civil e así se puido chegar á detención deste veciño de Portas, JM.M., de 39 anos, ao que se lle acusa da presunta comisión, non só dos cuantiosos danos materiais ocasionados polo incendio, senón tamén polo roubo cometido a finais do pasado ano.
As dilixencias instruídas pola Garda Civil foron entregadas no xulgado de instrución de garda de Caldas de Reis.