Juan Parra atesoura unha descomunal información sobre a Pontevedra taurina; en boa parte herdada do seu pai "Parrita" e noutra boa parte da curiosidade e afección que lle segue movendo para que esa historia non desapareza. Neses mesteres precisamente estaba o protagonista deste Cara a Cara en PontevedraViva Radio, cando foi a dar en febreiro do ano pasado, nos fondos da Biblioteca Nacional cun sorprendente descubrimento. Un pasodobre dedicado ao "valente matador de touros" Manuel Escudeiro "Barquerito" composto polo mestre Juan Serrano Marqués e que fora editado en Buenos Aires nos anos 30.
E quen foi Manuel Escudeiro e Juan Serrano? Manuel Escudeiro "Barquerito" era pontevedrés, de feito o avó do noso protagonista, do mesmo nome, fora membro da súa cuadrilla. Estamos na primeira década do século XX. O Conde de Creixell, de Salcedo, fixo de intermediario entre o novillero pontevedrés e o mítico Joselito "el Gallo", quen ao parecer, dixo de Barquerito "que tiña un valor que asustaba". Esta amizade consolidouse ata tal punto que Rafael "el Gallo", irmán de Joselito, foi padriño dun dos once fillos de Manuel na Basílica de Santa María, aproveitando a súa presenza no coso de San Roque.
En 1928 debuta un dos seus fillos, co mesmo nome e alcume, e na década dos 30 márchase a "facer as Américas". Manuel Escudeiro, por falta de diñeiro para soster á súa ampla familia con aquilo do toureo, tivo que volver á súa profesión: fontaneiro, hojalatero...pero vendeu unha herdanza para que o seu fillo "Barquerito II" cumprise aquel soño. Juan Parra entende que naquela viaxe debeu levar consigo a partitura que o mestre Serrano compuxera para o seu pai e que por iso editouse en Buenos Aires.
En canto ao mestre Serrano Marqués, era lucense de nacemento; pero fincado a maior parte da súa vida en Pontevedra, á que adoptou como súa. Destacado pola súa bonhomía, estivo ao fronte á Banda de música dos Exploradores, do Orfeón de Artesáns, do Orfeón A Artística, etc...e en 1916 aproveitando a presenza de "Barquerito" na praza de San Roque, soou o pasodobre que compuxo para el. No 48 rendéuselle unha sentida e sinceira homenaxe no Teatro Principal con carácter benéfico e para axudarlle na súa fráxil situación económica; incluso a Deputación - conta Parra - concedeulle unha pensión para o seu modesto sustento.
E fáltanos falar doutra parte, fundamental nesta historia. O Conservatorio Profesional de Música Manuel Quiroga de Pontevedra. Juan Parra púxose en contacto co profesor de violín Sergio Heredia, e este á súa vez co profesor de piano Miguel Fontenla, xa que o pasodobre fora composto para adaptalo ao piano. Aquela partitura e a súa historia calou no Conservatorio e puxeron en marcha o proxecto para que puidese ser interpretado pola Banda do Conservatorio. E así vai ser este venres 7 de abril ás 18:00 horas, con entrada libre. Juan Parra estará alí e afirma coa mirada acuosa "síntome orgulloso, e emocióname recuperar este pasodobre pola memoria de Barquerito, de Serrano, do meu pai e do meu avó".
Pepé Maquieira, que reproduce esta historia na súa web Taurophilos.com e acompáñanos neste programa, engade que desde a Coordinadora de Peñas Taurinas de Pontevedra trabállase para que este ano volva soar de novo este pasodobre no coso desta capital.