Ponte Caldelas adica 122.000 euros á reparación dunha ducia de camiños municipais
Por Redacción
O goberno local de Ponte Caldelas reparará nos próximos meses unha ducia de camiños veciñais por un importe total de 122.463,41 euros. As ofertas presentadas por 10 empresas de toda a provincia foron abertas este venres no Concello e, nos próximos días, procederase á adxudicación do lote.
As actuacións teñen por obxecto mellorar a accesibilidade en camiños municipais que dan acceso a vivendas en diversas parroquias e tamén o remate das obras de mellora da estrada de Barbudo, que dá acceso ao encoro de As Eiras.
Esta pista, na que agora vaise asfaltar case un quilómetro e medio, constitúe unha das saídas naturais do municipio cara Fornelos de Montes e, por tanto, cara os centros de traballo situados na área de Porriño e Vigo.
Sen embargo, o núcleo principal deste paquete de obras é a mellora de camiños en mal estado, situados en Caritel, Avecil, Rebordelo, A Reigosa e outros dous en A Fraga. Ao mesmo tempo mellorarase o firme no acceso a Coveliño, na estrada ao Verdugo desde Parada e, finalmente, na mencionada estrada de Barbudo. A última actuación a executar é unha senda peonil en Rebordelo.
As obras non puideron realizarse ata o de agora porque o Concello está obrigado a solicitar autorización de Augas de Galicia en todos os expedientes que afecten á contorna de ríos. Neste caso, un dos camiños está próximo a un regato. O goberno local denuncia que o órgano dependente da Xunta de Galicia tardou nove meses en dar unha autorización que debería ter sido rutinaria.
O prazo de execución para todo o paquete de obras é de catro meses, polo que estarán rematadas antes de que finalice este ano. En todos os casos trátase de camiños con lonxitudes entre os 75 metros e os 300 metros que dan servizo a un bo número de vivendas.