Prohibidas as queimas agrícolas e forestais en toda Galicia ata novo aviso
Por Redacción
Ata novo aviso, as queimas agrícolas e forestais quedan prohibidas en Galicia. Non se poden facer desde as 00.00 horas da pasada madrugada en ningún lugar do país.
A prohibición é unha decisión da Consellería de Medio Rural, tendo en conta as condicións actuais de vento e calor e as previsións climatolóxicas para os vindeiros días.
Isto implica que quedan tamén en suspenso os permisos xa concedidos, xa que as comunicacións e autorizacións de queima carecerán de validez dende o momento da prohibición.
A decisión tomouse tras avaliar a evolución da situación meteorolóxica e unha vez analizados polo miúdo os diferentes indicadores técnicos que inciden no risco de lume.
A normativa pola que se regulan medidas relativas á prevención de incendios forestais, á protección dos asentamentos no medio rural e á regulación de aproveitamentos e repoboacións forestais prohibe as queimas cando as condicións meteorolóxicas poidan dificultar o seu control, especialmente nos días de vento.
O goberno galego pide colaboración da cidadanía para que extremen as precaucións e denuncien calquera actividade delituosa incendiaria da que teña coñecemento, dado que non estará permitido o uso do lume para ningunha actividade agrícola e forestal.