As Rías Baixas, de verán en plena primavera
Por Redacción
Ata 30 graos rexistráronse nas Rías Baixas este domingo, unha temperatura máis propia do verán que da primavera na que nos atopamos.
De aí, que moitos optasen por gozar do bo tempo da fin de semana nas praias pontevedresas. Sanxenxo, O Grove, Marín, Poio ou Bueu foron algúns dos destinos preferidos polos que buscaron descansar tomando o sol.
Moitos dos seus areais mostraron unha estampa tipicamente estival e, segundo as previsións meteorolóxicas, poderán seguir facéndoo nos próximos días.
Así, Meteogalicia eleva as temperaturas máximas deste luns ata os 28 graos en Pontevedra. Os ceos estarán totalmente despexados grazas á influencia dun anticiclón que quedará entre nós, previsiblemente, toda a Semana Santa.
O tempo será moi similar mañá martes, con máximas que roldarán os 26 graos. Xa, a partir do mércores, seguiremos tendo días asollados pero as temperaturas moderaranse e situaranse na contorna dos 20 graos, segundo as predicións do servizo de meteoroloxía que depende da Consellería de Medio Ambiente.