O TSXG confirma o prezo que o Concello xa pagou por pisos expropiados para a reforma de Pasarón
Por Natalia Puga
O proceso de expropiacións realizado na contorna do estadio de fútbol de Pasarón para poder realizar as obras de reforma está máis próximo ao seu peche definitivo. Dúas sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) recentemente notificadas confirmaron a valoración que o Xurado de Expropiacións realizara de tres propiedades cuxos donos chegaron a xuízo e cuxo importe xa pagara o Concello de Pontevedra.
O portavoz do goberno local, Raimundo González, deu a coñecer as sentenzas este martes. Afectan unha veciña que tiña un piso e un terzo doutro entre os expropiados para Pasarón e ao propietario doutro piso. En ambos os casos, os donos recorreron ante o TSXG porque non estaban de acordo co diñeiro co que valorou o Xulgado de Expropiacións os seus inmobles.
Agora, o tribunal confirma os prezos e unha das afectadas xa anunciou que presentará un recurso de casación ante o Tribunal Supremo. No seu caso, o xurado fixou o valor das propiedades expropiadas en 285.000 euros e esa foi a cantidade que lle abonou o Concello, pero ela reclamaba 485.000. O outro afectado pedia 357.000 euros e o prezo fixado quedou en 159.000.
Raimundo González achegou esta información tras unha Xunta de Goberno de Pontevedra na que se abordaron outros dous asuntos municipais relacionados con procesos expropiatorios. Un deles é que o Concello xa pechou a negociación cos donos dunha leira de 360 metros cadrados en Lérez para adquirila por 15.000 euros e aproveitar ese terreo para ampliar o camiño de acceso ao lugar de Ramallás desde a zonde Ou Castelo.
Outro proceso pendente sitúase na avenida Fernández Ladreda. Trátase dunha leira de 365 metros cadrados situada entre Fernández Ladreda e Alcalde Hevia, á marxe do río Gafos, pola que están a negociar unha expropiación a petición dos seus propietarios. O acordo non parece moi próximo, pois o Concello valora o terreo en 155.998 euros e os donos reclaman 365.562 euros.
SEMÁFORO VERMELLO
O Xulgado do Contencioso Administrativo número 1 de Pontevedra deu a razón ao Concello de Pontevedra nunha sanción imposta pola Policía Local a un condutor que no ano 2016 pasou un semáforo en vermello na avenida Fernández Ladreda.
Os axentes municipais multáronlle cunha sanción económica de 200 euros e a retirada de catro puntos do carné de conducir, pero o condutor non esta de acordo e levou o tema ao xulgado alegando que era imposible que o axente lle vise que non se detiña ante un semáforo en vermello e que nese semáforo non se ve a luz vermella ata que o coche está a 10 metros e non dá tempo a reaccionar e frear. O xulgado confirmou a sanción.