Os sindicatos cánsanse do atraso de FOGASA no pagamento de indemnizacións aos despedidos
Por Redacción
O sindicato Comisións Obreiras (CC.OO.) denuncia un atraso "inaceptable" no aboamento das prestacións por parte do Fondo de Garantía Salarial (FOGASA) na provincia de Pontevedra. O sindicato sinala que se tarda ata 14 meses dende a solicitude da prestación e indica que noutras delegacións provinciais como a de Biscaia o aboamento se produce en apenas un mes e medio.
Dende a Unión Comarcal de CC.OO. entenden que isto é unha discriminación sen xustificación razoable xa que, ademais, a provincia de Pontevedra é "unha das máis afectadas pola crise e, polo tanto, son moitos os traballadores que teñen que acudir ó FOGASA para que lles abone as débedas salariais ou de indemnización por despido por insolvencia".
Segundo sinalan dende o sindicato, a tramitación dos expedientes pode causar danos irreparables para os traballadores afectados xa que ao pasar o ano dende a presentación da solicitude, se existe algún erro na tramitación, xa non se pode emendar e periga o cobramento da prestación.
Durante o pasado ano, o FOGASA pagou un importe de máis de 30 millóns de euros a traballadores que perderan o seu posto de traballo.
Comisións Obreras solicitou unha reunión ao Subdelegado do Goberno para resolver este problema e avanza que intentará acordar con UGT e CIG a posta en práctica de medidas que axuden a resolver este problema.