Detectan falsas bicis eléctricas circulando por Pontevedra a velocidades elevadas
Por Redacción
A Policía Local detectou nos últimos días a presenza na cidade de dúas falsas bicicletas eléctricas. Trátase de vehículos, a cabalo entre un ciclomotor e unha bicicleta, que non están homologados, polo que teñen prohibida a circulación. Ademais, poden alcanzar velocidades elevadas, ata 60 quilómetros por hora.
Segundo informa a xefatura local, os axentes inmobilizaron dous destes vehículos o pasado 6 de abril, contra as dúas da tarde. Eran semellantes, fisicamente, a unha bicicleta con un motor eléctrico.
Nun destes casos, un home estaba a circular con ela pola ponte do Bugo. Os policías déronlle o alto e cando estaban tomando os datos do condutor pasou un segundo vehículo coas mesmas características.
Este segundo condutor ía acelerando aínda que non movía os pedais.
Segundo a lei de Tráfico, as bicicletas eléctricas teñen que cumprir dúas condicións para poder circular por vías públicas: que o motor deixe de funcionar cando non se estea pedaleando e que o motor deixe de funcionar cando a velocidade supere os 25 km/h.
Nestes dous casos non se cumprían estas esixencias, pois nin ían pedaleando e o vehículo -da marca Bultaco Brinco- acada os 60 quilómetros por hora.
Estes vehículos detectados non teñen ningunha documentación fóra da factura de compra, que supera os 5.000 euros. Na páxina da compañía xa se advirte que non teñen a homologación precisa, polo que teñen prohibido o seu uso pola vía pública.
A inmobilización destes vehículos leva aparellada a denuncia administrativa cunha sanción de 500 euros.