Nova maridaxe entre o viño albariño e os portos deportivos
Por Redacción
Promocionar o viño albariño da Denominación de Orixe Rías Baixas, tanto en feiras náuticas nacionais e internacionais, como nos principais portos deportivos galegos, foi unha das principais iniciativas que debatiron o presidente da denominación de orixe, Juan Gil, e o presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, nunha reunión coordinada polo alcalde, Luis Aragunde, no Concello de Cambados.
Por mor desta iniciativa, poderíase facer viable a presenza da D.O. Rías Baixas e da Ruta do Viño nas feiras náuticas de turismo máis salientables das que organizan en Europa.
Esta participación sería moi favorable para seguir impulsando a marca vitivinícola e podería facerse patente a través do stand institucional que a Axencia de Turismo de Galicia compartirá con Portos e Turgalicia en distintas feiras, de ámbito nacional e internacional.
Os participantes na reunión a tres bandas coincidiron en avaliar a idea como positiva e en considerar que o turísmo náutico sería un complemento idóneo para a denominación emais para a Ruta do Viño Rías Baixas. De levarse a cabo esta proposta, as adegas e produtores de Rías Baixas contarían co apoio de Portos de Galicia, traballando de xeito coordinado, para facer posible unha participación destacada dos organismos relacionados coa promoción do viño albariño nas feiras de turismo náutico.
Por outra banda, a Denominación de Orixe e a Ruta do Viño Rías Baixas van seguir estudando a fórmula máis axeitada para levar a cabo iniciativas promocionais nos principais portos deportivos da nosa comunidade autónoma. As accións publicitarias terían acollida na recepción ou noutras dependencias das radas adcritas a Portos de Galicia.