Marea Pontevedra insta o Concello a usar a praza de touros gratis durante o mes da Feira Franca ao ser copropietario
Por Anxo Lourido
Marea Pontevedra quere rematar cos últimos vestixios da tauromaquia en Galicia. A agrupación política insiste en que Pontevedra é a única cidade galega que celebra corridas de touros e rexeita que o Concello manteña o convenio de 38.500 euros anuais coa familia Lozano, principal propietaria do recinto, para tan só darlle uso durante a Feira Franca como espazo onde albergar os torneos medievais que se realizan durante este evento.
Luís Rei, portavoz de Marea Pontevedra, insiste en que o Concello é propietario dunha doceava parte da Praza de San Roque, ademais de ser titular dos terreos que se cederon para a construción do coso taurino. Por este motivo sinala que durante un mes ao Concello correspóndelle o uso gratuíto das instalacións e, por tanto, entende que é innecesario pagar con diñeiro público o aluguer da praza para a Feira Franca.
Rei realizaba esta petición ante os despachos de billetes do recinto taurino, acompañado por Leonardo Anselmi, director da Fundación Franz Weber para o sur de Europa e Sudamérica, ademais de portavoz da plataforma PROU para a abolición da tauromaquia en Cataluña.
Anselmi mostrouse sorprendido coa actitude do goberno nacionalista en Pontevedra en relación coas corridas de touros porque, afirmou, sempre tivera a impresión de que o BNG era antitaurino e, con todo, asegurou sentirse "desengañado" coa postura do goberno de Fernández Lores. O portavoz de PROU indicou que a tauromaquia é unha secuela que "só mostra o salvaxismo e o primitivismo da sociedade".
Luís Rei apuntou que Marea Pontevedra volverá presentar unha moción reclamando que o Concello sexa coherente e deixe de asinar un convenio para manter os espectáculos taurinos, sinalou o concelleiro da formación política.
Relacionadas:
-
Os abolicionistas lanzan unha ofensiva para impedir un tentadeiro en Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
Marea Pontevedra insiste en rematar coa "subvención encuberta ás touradas"
Por Oskar Viéitez |
-
PP e BNG únense para manter o contrato de arrendamento da Praza de Touros
Por Redacción |
-
O goberno local ampárase no Consello da Feira Franca para xustificar o convenio coa Praza de Touros
Por Redacción |
-
82.000 firmas en Change.org non farán que o Concello renuncie o contrato coa praza de touros
Por Redacción |