Xulgan dous acusados de estafar a ENCE cobrando descargas ficticias de madeira
Por Natalia Puga
A sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra xulgará o vindeiro martes 25 de abril a dous homes acusados de estafar á empresa Ence cobrando descargas ficticias de madeira. Enfróntanse a catro anos de prisión cada un, ao pago dunha multa de 1.800 euros e a indemnizar ás empresas afectadas.
O fiscal considera aos acusados, J.V.O. e M.M.S., autores dun delito continuado de falsidade en documento mercantil en concurso cun delito continuado de estafa dos que os afectados serían tres empresas: a pasteira Ence; un dos seus provedores, EF. do Noroeste; e a firma á que estes compraban o produto inicialmente, Maderas M.S.
O primeiro dos acusados, J.V.O., traballou para Ence durante varios anos, desempeñando nos últimos o labor de pesar os camións que transportaban madeira para a empresa de diversos provedores, entre eles EF. do Noroeste. Esta empresa compraba o produto previamente a diversas compañías, entre elas, Maderas M.S., da que o segundo acusado, M.S.O., era socio e encargábase persoalmente de levar a mercadoría no camión.
Ambos os acusados, co propósito de obter un beneficio económico, acordaron realizar descargas ficticias, para o que modificaban os albaranes que o transportista (neste caso, M.S.) debía entregar ao basculista (neste caso, J.V.) na zona da báscula, despois de entrar o camión na empresa mediante o correspondente cartón facilitado por Ence a cada transportista autorizado.
Os acusados, postos de acordo, modificaban ou creaban os documentos e, segundo o escrito de acusación do fiscal, fixeron constar entregas de madeira que non se produciron. Presentaban eses documentos falseados á empresa EF do Noroeste, que pagaba polos albaranes a Maderas M.S. e logo cobrábaos de Ence. As ganancias obtidas repartíanas a medias.
O fiscal sostén que fixeron crer que un camión propiedade dun home que non ten nada que ver coa estafa entrara na fábrica 74 veces ao longo do ano 2014 cando en realidade non fora nunca á factoría de Lourizán. Ence pagou a EF do Noroeste por eses camións e, á súa vez, esta empresa a Maderas M.S. un total de 112.007,96 euros.
Ao longo do ano 2014 e en xaneiro de 2015 tamén fixeron constar que o camión realizara 171 descargas, das que, polo menos, 78 non eran reais, As empresas abonaron 216.926,27 euros pola totalidade das entregas, 88.143,62 polas consideradas inexistentes.
Ence descubriu a fraude en decembro de 2014 e non pagou 157.733,05 euros ese mes e 88.053,77 en xaneiro de 2015. Desta forma, segundo os cálculos totais do fiscal, Ence pagou as entregas falsas entre principios de 2014 e o mes de novembro, pero non decembro e xaneiro. Con todo, EF. do Noroeste si pagou á madeireira todo o diñeiro correspondente aos dous meses restantes antes de pasarlle o cobro finalmente non satisfeito a Ence.