Ponte Sampaio, primeiro paso para levar iluminación led a todo o rural pontevedrés
Por Redacción
A parroquia de Ponte Sampaio será a vindeira semana o punto de partida nun novo proxecto do Concello de Pontevedra: a instalación de luminarias leds en todos os cascos urbanos e núcleos de centralidade parroquial do rural do municpio.
Segundo informou o Concello, o núcleo de Ponte Sampaio xa dispón dunha parte de luminarias en tecnoloxía led, pero a vindeira semana executarase un novo proxecto valorado en 60.000 euros para substituír todas as actuais (de sodio e mercurio). A obra consistirá na instalación de cableado, caixas de conexións, brazos e reformas de cadros eléctricos, ademais doutras pequenas actuacións que sexan precisas en cada punto de luz.
A actuación podería estar rematada nun prazo de menos de dúas semanas e, unha vez completado todo o núcleo, haberá 307 puntos de luz distribuídos en todo o casco urbano da parroquia. Ademais de mellorar a calidade da iluminación, o Concello destaca que esta actuación redundará noutros aspectos como a seguridade nas rúas, a seguranza viaria, a redución da luz intrusa ou a eficiencia enerxética. Ao respecto, destaca que supón un aforro de enerxía do 75%, cun consumo de 168.256 KWh, aproximadamente 28.000 euros ao ano.
Desta maneira, o núcleo de Ponte Sampaio será o primeiro do rural pontevedrés que dispoña de iluminación de alta calidade cumprindo os parámetros de eficiencia enerxética e sustentabilidade, pero o obxectivo é chegar a Estribela, onde tamén se teñen feito algúns traballos deste tipo, e aos espazos de centralidade parroquial de Campañó, Salcedo, Cerponzóns ou Tomeza.
Aínda está pendente de perfilar o mapa das actuacións e irase actuando paseniñamente, xa que se trata de fortes investimentos, pero o goberno local confirma que ten unha aposta decidida por levar os estándares de calidade urbana aos núcleos do rural.