VIDEO.- Unha mascota alerta cos seus ladridos á súa dona dun voraz incendio na cociña
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez
Os ladridos dunha cadela alertaron á súa dona dun voraz incendio que se estaba producindo na cociña da casa. Sucedeu este luns no primeiro piso do portal número 4 da rúa Pai Sobreira, unha pequena rúa sen saída situada en metade da rúa Pai Luís.
Segundo informou a afectada, o incendio produciuse ás dúas e media da tarde. Esta muller, única residente nesta vivenda, esqueceu unha tixola ao lume na que se estaban fritindo unhas patacas e saíu un momento coa cadela. Foi a súa mascota, un pequeno Yorkshire, quen se decatou de que na cociña estaba a ocorrer algo e empezou a ladrar, un comportamento inusual no can, segundo explicou a súa dona.
Decatouse entón do que estaba a pasar e chamou aos bombeiros. Afortunadamente a porta da vivenda quedou bloqueada e a muller non puido entrar evitando o contacto co fume e as chamas.
Segundo explicou o cabo da dotación dos bombeiros de Pontevedra que actuou neste suceso, "o propio incendio xerou a rotura dunha tubaxe da auga e xa practicamente nós ao chegar só tivemos que ventilar".
Como consecuencia do incendio a cociña da casa quedou moi danada e o resto de estancias da vivenda resultaron afectadas polo fume.