Reestruturar a Casa Azul e máis transparencia na Rede Axuda, "deberes" de Marea para Anxos Riveiro
Por Alejandro Espiño
Marea Pontevedra decidiu poñer "deberes" á nova responsable dos servizos sociais municipais, Anxos Riveiro. O cambio á fronte desta concellaría é, segundo este partido, "responsable e importante" e agardan que a partir de agora a xestión deste ámbito sexa "dilixente". Para iso, aseguran, terá a súa "colaboración".
Así o sinalaron a concelleira Mari Carmen Moreira e a responsable de política social de Marea, Herminia Dios, nunha rolda de prensa celebrada no Concello.
Ambas recordaron que hai asuntos que teñen "premura" e que quedaron como "materias sen superar" por parte da anterior concelleira, Carmen Fouces.
Marea solicita, polo tanto, que se axilicen os trámites para a posta en marcha da renda social municipal, que xa conta con partida orzamentaria. Estase ultimando, sinalan, o borrador da ordenanza para que a Xunta poida emitir o informe preceptivo.
Ademais, demandan que se reestruturen os espazos e usos públicos da Casa Azul. Entenden que alí deben seguir o persoal técnico municipal e as entidades sociais, pero cun regulamento que estableza o uso, acceso e cesión "baixo criterios de transparencia e igualdade de condicións", evitando a "arbitrariedade e discrecionalidade" que ven na actualidade.
Con respecto á Rede Axuda, esixen a redacción dun protocolo de funcionamento que determine aspectos como a organización, a coordinación, as normas de funcionamento interno, os medios técnicos e materiais, a dotación orzamentaria ou os criterios de distribución de recursos obtidos para impulsar e consolidar a rede.
Por último, Marea reclama que se reorganicen as diferentes da unidades de traballo social e que se amplíe o persoal técnico con máis traballadoras sociais e administrativos.