O Bloque quere "evitar o desmantelamento" do Servizo de Vixiancia Aduaneira
Por Oskar Viéitez
O grupo parlamentario do BNG presentou unha proposición non de lei para o seu debate no Parlamento galego, relativa ás medidas a tomar para "evitar o desmantelamento" do Servizo de Vixiancia Aduaneira (SVA) de Galicia e que se incrementen os medios destinados á investigación en materia de narcotráfico.
En rolda de prensa a deputada nacionalista, Montse Prado, explicou que o BNG pediralle á Cámara galega que lle manifeste ao Goberno español a súa oposición ao traslado ao Mediterráneo do helicóptero con base en Vigo do Servizo de Vixilancia Aduaneira.
Tamén instarán para que o Parlamento demande o mantemento dos medios actuais cos que conta o SVA en Galicia, a recuperación da lancha rápida con base en Vilagarcía, retirada en 2015, do avión Casa 112 con base en Santiago e o helicóptero Dauphiné con base en Vigo, así como a substitución das embarcacións con base en Ribadeo e en Muros, por embarcacións máis operativas e que alcancen maiores velocidades.
"Que cubra a totalidade das vacantes de persoal producidas no SVA, e proceda a convocar unha oferta pública de emprego con prazas suficientes", é outra das peticións de Montse Prado.
Finalmente o Bolque pide que se desenvolva "de inmediato" a segunda actividade contemplada na Lei 66/1997 de 30 de decembro de Medidas Fiscais e Administrativas e de Orden Social, onde se recolle a reestruturación do Servizo de Vixilancia Aduaneira.