O deputado de Marea denuncia incumprimentos de contrato no parque de bombeiros de Ribadumia
Por Redacción
O deputado provincial Xosé Lois Jácome, da coalición SON e concelleiro de Marea Vigo, denuncia que este luns lle prohibiron acceder ao parque de bombeiros de Ribadumia. Tiña prevista unha visita para comprobar o estado das instalacións, pero, cando chegou, os representantes dos traballadores comunicáronlle que a empresa privada Matinsa e o xerente do Consorcio de Bombeiros lle impedían entrar a pesar de ser un recinto público.
Jácome xa indicara previamente que non quería unha visita ás instalacións nin co xerente nin con representantes da empresa, senón cos representantes das traballadoras para que lles informaran a el e ao seu equipo "da auténtica situación na que se atopan os parques" e, cando chegou, levou unha "sorpresa" e cualificou a situación de "inxustiza".
Ante tal prohibición, xa anuncia que formulará unha pregunta por escrito para saber as razóns, tendo en conta, ademais, que recentemente o xerente respondera por escrito que Matinsa "non incumpre ningún prego do contrato". Non comprende por que se lle nega o paso a unhas instalacións que están presuntamente en perfectas condicións.
A pesar de que non puido acceder, Jácome si se entrevistou co comité e trasladáronlle, segundo sinala, "reiterados incumprimentos do contrato" e o "desmantelamento das unidades específicas". Ademais, puido apreciar desde fóra o abandono das instalacións de Ribadumia. Ao respecto, sinala que a zona de formación está chea de herbas sen rozar e as canceiras da unidade canina están baleiras, sen cans e totalmente desmanteladas.
Jácome quere coñecer o motivo destas infraccións, así como o motivo da Deputación a negar a realidade.