As chuvias van instalarse nas Rías Baixas ata a vindeira semana
Por Redacción
Comeza unha etapa de inestabilidade nas Rías Baixas coa presenza de ceos parcialmente nubrados. Ao longo da noite entre este martes e o mércores espérase que aparezan os primeiros chuvascos na provincia con ventos que soprarán frouxos de dirección variable. As temperaturas durante este martes, segundo as previsións do servizo de Meteogalicia, manteranse entre os 15 e os 24 graos.
Para o mércores espérase que o aire frío sitúese en capas altas da atmosfera. Desta forma, produciranse intervalos nubrados con chuvascos. As temperaturas expermientarán un descenso situándose entre os 12 e os 21 graos. O vento soprará de compoñente sur, frouxo en xeral, con intervalos de moderado no litoral oeste.
Xa o xoves 11, os ventos soprarán do sudoeste e os chuvascos serán xeneralizados en toda Galicia, máis frecuentes na metade oeste. As temperaturas descenderán lixeiramente establecéndose entre os 11 e os 18 graos.
A inestabilidade permanecerá durante a fin de semana con alta probabilidade de chuvascos e temperaturas suaves. Será a partir do luns 15 cando Galicia volverá quedar baixo a influencia anticiclónica, con entrada de aire cálido e tempo seco e estable.