Ponte Caldelas elimina as dietas de desprazamento do persoal incorporando un vehículo
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas incorpora un vehículo que servirá para facilitar os desprazamentos do seu persoal e tamén para as saídas institucionais do alcalde, Andrés Díaz. Deste xeito prodúcese un importante aforro nas dietas que se aboaban aos funcionarios, que ata o de agora utilizaban os seus coches particulares e pasaban mensualmente a quilometraxe.
Non así no caso do alcalde, posto que non ten pasado nin unha soa dieta por desprazamento e correu con todos os gastos do seu peto, segundo o Concello.
O vehículo é un Renault Laguna de segunda man, adquirido por 6.400 euros, dentro do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. Ten unha antigüidade de catro anos e está en perfecto estado. Substitúe á antiga furgoneta C15, que só utilizaba o ordenanza municipal que, cunha antigüidade de case 20 anos, xeraba cuantiosos gastos en reparacións e, de feito, levaba xa varios meses avariada.
O goberno local, formado por PSdeG-PSOE, AVP e BNG, subliña que sumando os gastos en reparacións da vella furgoneta e dietas do funcionariado, o novo vehículo quedará amortizado nun só ano, ademais de ofrecer maiores prestacións e flexibilidade para a actividade municipal.
O coche, que quedou rotulado cos logotipos do Concello e da Deputación, está xa a ser utilizado polas dúas traballadoras dos servizos sociais nas súas visitas cotiáns e está a disposición do persoal que o precise para atender funcións públicas. A partires de agora, o alcalde utilizarao tamén para as viaxes encadradas na súa axenda oficial.