Dous detidos por vender haxix a menores na avenida de Lugo e a contorna dun colexio
Por Redacción
A Policía Local de Pontevedra detivo nos últimos días dous homes como presuntos autores dun delito contra a saúde pública tras ser sorprendidos polos axentes vendendo drogas a menores de idade, un na avenida de Lugo e outro na contorna dun colexio da zona este da cidade.
Ambas as dúas detencións enmárcanse no plan de loita contra a venda e consumo de sustancias ilegais en espazos públicos que ten en marcha a Policía Local e que centra a súa atención nas contornas dos centros escolares co obxectivo da prevención do consumo de sustancias ilegais por parte de menores.
Un dos detidos é un home de 31 anos sobre o que estableceron unha vixilancia especial entre marzo e os primeiros días deste mes de maio en resposta ás queixas veciñais recibidas nos últimos tempos pola presenza dunha persoa que vendía drogas polo miúdo no entorno da avenida de Lugo.
Como resultado desa vixilancia, en marzo levantáronse varias actas de intervención e a tramitación de denuncias por tenencia de estupefacientes a varios supostos compradores deste persoa e o 28 de marzo detivérono por un delito contra a saúde pública.
Pouco máis dun mes despois, este martes 9 de maio, axentes da Policía Local de Pontevedra detectaron de novo a presenza deste home polas inmediacións dun colexio da zona este da cidade e viron como intercambiaba diñeiro por un ovo de haxix cun menor de 16 anos. Ao día seguinte, este mércores 10, foi detido. En canto ao menor, os feitos puxéronse en coñecemento dos seus pais.
En relación coa outra detención, tamén é froito da vixilancia na contorna da avenida de Lugo. O 3 de maio axentes da Policía Local presenciaron un intercambio entre dous mozos, un home maior de idade e unha menor de 15 anos. O varón entregoulle á muller unha bolsa pequena de plástico transparente que ela gardou nun peto da cazadora e ela deulle a el dous billetes de cinco euros.
Os policías pararon á rapaza e descubriron que levaba unha pequena cantidade de haxix e marihuana, de modo que detiveron o mozo, de 18 anos, por un delito contra a saúde pública. En canto á moza, deron aviso aos seus pais.