Denuncian un veciño de Campelo que facía xiros, arrancadas e filigranas co seu BMW por Poio
Por Redacción
A Policía Local de Poio denunciou un veciño de Campelo por conducir un vehículo que cualifican como perigoso para a seguridade viaria polas graves deficiencias que presenta. Con el, aseguran desde o corpo, facía xiros, arrancadas e filigranas por varios puntos do municipio.
Os axentes detectaron este coche, por vez primeira, o pasado 18 de marzo contra as 13.30 horas. Foi a raíz dunha chamada telefónica recibida na que se lles informaba que un BMW de cor vermello estaba facendo unha condución temeraria na rotonda da VG 4.8, á altura do cemiterio de San Xoán de Poio.
Cando localizaron o vehículo, comprobaron que tiña graves deficiencias que resultaban perigosas para a seguridade viaria. Ademais de ter a ITV caducada, presentaba os focos dianteiros rotos, partes cortantes que podían producir lesións a peóns, as bandas de rodaxe estaban totalmente gastadas e as defensas ían suxeitas con cinta americana.
Tras considerar que o coche non podía circular nesas condicións, os axentes procederon á súa inmobilización, pero nese momento o condutor arrancou o vehículo, dándose a fuga a gran velocidade. Aínda que o perseguiron, non puideron localizalo.
Con todo, o condutor deixou atrás o seu permiso de conducir, por lo que os policías puideron identificalo, iniciando unha investigación por un presunto delito de desobediencia grave aos axentes da autoridade.
Non foi ata a noite do 13 de maio, cando os axentes foron alertados de novo por un veciño que aseguraba que este vehículo estaba, xunto con outro BMW de cor azul, na explanada da Reiboa (A Seca) facendo xiros, arrincadas e filigranas. Alí, o portal da fábrica de Pescamar estaba arrancado e golpeado, fóra do seu lugar e con danos considerables.
Tres días despois, o 16 de maio ás nove da mañá, os axentes interceptaron o coche no lugar de Campelo. Tras realizar unha inspección do vehículo, determinaron que estaba implicado nos danos producidos no portal de Pescamar, polo que trasladárono ao depósito municipal.
O vehículo tiña as rodas dianteiras incompatibles coas orixinais, e as traseiras, unha con máis diámetro que a outra, presentaba os pneumáticos traseiros totalmente gastados e cos arames ao aire, posiblemente de facer filigranas no asfalto. Todo iso son deficiencias graves que afectan a estabilidade do vehículo e resultan un grave perigo para a seguridade viaria.
Os axentes acabaron finalmente por localizar o condutor, que foi informado das denuncias administrativas correspondentes e de que será investigado polo delito de desobediencia.