Denuncian por conducir bébedos un mozo que facía trompos e un amigo que pretendía facer de taxista a Bueu
Por Natalia Puga
A Policía Local de Pontevedra denunciou na madrugada do venres ao sábado a dous mozos detectados cando conducían un vehículo dando positivo nas probas de alcoholemia.
Todo ocorreu sobre a unha da madrugada do sábado na contorna das Corbaceiras. Nun primeiro momento, un patrulla policial observou a un grupo de seis mozos de entre 25 e 30 anos e que un deles collía un coche e facía trompos. Os axentes achegáronse a eles e realizaron a proba de alcoholemia ao mozo que conducía o coche, comprobando que daba un resultado positivo.
Tras denunciar a este condutor, os seis mozos comentaron aos axentes que eran de Bueu e que pretendían volver á súa localidade en dous coches, de modo que todos eles foron sometidos ao test de alcoholemia para comprobar se podían conducir. Tan só un deles daba negativo na proba.
O mozo que non estaba borracho indicou aos axentes que faría dúas viaxes a Bueu, levando aos seus compañeiros en dous grupos. En presenza da patrulla, colleu rumbo ao seu destino con dous amigos dentro e o resto quedaron na zona das Corbaceiras esperándoo.
A Policía Local abandonou o lugar tras advertirlles que non podían conducir, pero, de todos os xeitos, un dos mozos que dera resultado positivo colleu o coche. Unha patrulla detectouno e denunciouno directamente, pois xa comprobara que estaba bébedo cando se puxo ao volante.
Segundo informou a Policía Local, os denunciados foron dous, o que facía trompos e o que pretendía facer de taxista para os seus amigos ata Bueu a pesar de dar positivo en alcoholemia.