VÍDEO.- Non hai que confundir o barranquismo cun parque acuático
Por Oskar Viéitez
O Grupo de Rescate e Intervención en Montaña (GREIM) da Garda Civil recomendou precaución aos montañeiros que no verán acoden a realizar actividades de barranquismo e aos bañistas, que acoden a zonas de baño e pozas.
Este luns o tenente Pablo Villabrille, xefe do GREIM de Cangas de Onís e coordinador da zona Noroeste (Asturias, León, Cantabria e Galicia) e o responsable do equipo da Garda Civil de montaña (EREIM) de Trives, o cabo Fernando Posada, foron os guías dun grupo de xornalistas nunha práctica de rescate nun barranco do río Verdugo en Ponte Caldelas.
O tenente Pablo Villabrille insistiu en que a planificación é "esencial" antes de realizar actividade de montaña. Trátase de respectar cuestións tan básicas como cumprir coas recomendacións que fan os expertos, consultar a meteoroloxía ou estudar a situación do barranco antes de realizar estas prácticas deportivas nas que, como mínimo débense facer nun grupo de non menos de tres persoas que deben ir convenientemente equipadas con roupa isotérmica e calzado antiescorregadizo.
Estes expertos en rescates comentaban que "yo, si voy a hacer un barranco y lo veo mal no me meto. Vuelvo al día siguiente. Pero quienes tienen un solo día se meten", aí está a asumir o primeiro gran risco.
E é que non hai que confundir o barranquismo cun parque acuático.