Cambados estrea oficina de turismo para mellorar a calidade da atención a visitantes
Por Redacción
Operarios municipais teñen previsto efectuar a longo da xornada deste mércores 20 de marzo o traslado de todos os enseres e materiais depositados na oficina municipal de información e turismo cara ás dependencias de Exposalnés, no paseo da Calzada.
Con a dotación desta nova sede inténtase mellorar a calidade da atención ós visitantes e turistas, ademáis de promover todos os potenciais do municipio a través dun espazo dedicado ós recursos turísticos e culturais de Cambados.
A nova oficina de turismo vai dispor dun espazo máis amplo, no punto de atención situado no baixo do edificio, con maior funcionalidade e mesmo con moitas posibilidades de cara á formación de profesionais da hostalería e o turismo. Disporá de salas de traballo, un pequeno salón de actos e unha ampla zona expositiva no primeiro andar.
Neste primeiro andar mantense a sala destinada a divulgar os atractivos de Cambados e do Salnés, onde os visitantes poden facerse unha composición de lugar respecto da situación xeográfica, así como das características históricas, sociais, económicas da nosa comarca. Tamén está previsto ubicar nesta zona o legado que a familia Cabanillas quere doar ó Concello, integrado por documentos, cartas, obxectos persoais e decorativos, que pertenceron ó poeta cambadés.
Durante a Semana Santa e mais na tempada de verán a oficina manterase aberta todos os días, en horarios de 10 a 14 horas pola mañá, e de 16.30 a 19.30 horas pola tarde, agás os domingos que non abre polas tardes.
Nas épocas de maior afluencia turística a oficina coordina esforzos co sector da hostalería no canto de fomentar os recursos turísticos, traballando xuntos na procura dos máximos parámetros de calidade.