A Deputación destina 600.000 euros a actuacións no patrimonio histórico e cutural
Por Redacción
A Xunta de Goberno provincial vén de aprobar as bases das axudas para a rehabilitación e sinalización do patrimonio histórico e cultural dirixidas aos concellos da provincia.
O prazo para acceder a estas axudas abrirase tras a publicación do extracto da convocatoria no BOPPO e rematará o 30 de xuño, e poderán presentar solicitudes todos os concellos da provincia con menos de 50.000 habitantes.
O departamento provincial de Cultura e Lingua convoca esta liña de subvencións para promover a recuperación e rehabilitación deste tipo de patrimonio existente na provincia, sempre que sexa de titularidade municipal.
A orde de axudas contempla tres apartados: a adquisición de ben inmobles integrantes do patrimonio histórico da provincia, a restauración dos bens inmobles, conxuntos urbanos e sitios naturais que teñan recoñecido valor arquitectónico, histórico, artístico, paleontolóxico, arqueolóxico e etnográfico e a instalación de paneis informativos no patrimonio histórico e cultural.
A Deputación destinará a esta liña de axudas un total de 600.000 euros.