Os mestres do conservatorio aprenden primeiros auxilios
Por Redacción
Profesionais da Unidade de Coidados Intensivos do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra desprazáronse este martes ao conservatorio de música Manuel Quiroga para impartir un curso de primeiros auxilios e reanimación cardiopulmonar, no marco do acordo de colaboración asinado entre a xerencia dos hospitais ponvedreses e o centro de formación musical.
Tres facultativos especialistas en Medicina Intensiva, os doutores José Ignacio Cenoz e José Vicente Bravo, xunto coa doutora Eva Sanmartín, achegaron a trinta docentes do centro educativo unha serie de nocións básicas para prestar primeiros auxilios en caso dunha emerxencia.
Logo dunha introdución teórica xeneralizada e a visualización de dous vídeos explicativos, o profesorado foi dividido en tres grupos para poñer en práctica sobre varios manequíns os coñecementos adquiridos na sesión.
Fronte a varias situacións ficticias de emerxencia e guiados polos médicos intensivistas, os mestres do conservatorio puideron practicar os procedementos da masaxe cardíaca, a manobra de Heimlich e o emprego dun desfibrilador, permanecendo cada grupo nunha estación durante uns 20 minutos, de maneira que ao rematar, todos os participantes profundaran máis polo miúdo en tres manobras esenciais de primeiros auxilios.
A formación impartida polos profesionais do complexo hospitalario de Pontevedra, que tivo unha duración de dúas horas, permitiu aos docentes ter a oportunidade de resolver as súas dúbidas ao respecto de como actuar ante diversas situacións de emerxencia e tomar conciencia de que, seguindo unha sinxela serie de pasos, as súas mans poden salvar vidas.