Unha escultura lembrará o paso polo Grove dos restos do Apóstolo cara Santiago
Por Oskar Viéitez
Unha réplica en pedra da moeda xacobea do século XII atopada no xacemento de Adro Vello lembrará o paso polo municipio do Grove dos restos do Apóstolo cara Santiago. A Deputación de Pontevedra ven de asinar este mércores un convenio coa parroquia de San Vicente do Grove.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, acompañada pola deputada responsable da Escola de Cantería, Montse Magallanes, asinou xunto ao párroco de San Vicente do Grove, Juan Ventura Martínez, e ao alcalde da vila, José Antonio Cacabelos, un convenio de colaboración para a execución desta réplica.
A Escola de Cantería da Deputación está a elaborar esta escultura dun diámetro de 1,20 metros, en granito silvestre galego. Unha vez rematada instalarase no xardín do atrio da Igrexa de San Vicente, situada moi preto do xacemento de Adro Vello, cunha lenda na que se dará conta do significado da moeda xacobea, atopada na década dos 80 do século pasado.
Carmela Silva manifestou o "valor incalculable" da moeda ao igual que fixo o alcalde do Grove, José Antonio Cacabelos, "xa que dá testemuño do percorrido realizado polos restos do Apóstolo cara Santiago e do seu paso polo Grove" poñendo en valor que entrou en Galicia polo mar.
Pola súa banda, o párroco de San Vicente do Grove, Juan Ventura Martínez, afondou na historia da moeda atopada no Adro Vello asegurando que se trata "do testemuño máis antigo que existe do traslado dos restos do Apóstolo cara a Santiago e dálle veracidade a algo que ata o momento era unha tradición". Ventura amosou a súa "ilusión" e agradeceu á Deputación "que nos brindara esta colaboración, porque levabamos anos pedindo a réplica da moeda, algo característico da nosa parroquia".
A moeda orixinal, de vellón (mestura de prata e cobre), amosa de perfil o corpo do Apóstolo Santiago en barca xunto a dúas figuras que serían dous dos seus discípulos que o trouxeron a Galicia. Amais, a peza orixinal, emitida durante o reinado de Fernando II, conta coa inscrición "S IACOBI" (Sancti Iacobi). A moeda se atopa no Museo Diocesano da Catedral de Santiago de Compostela.