Día de festa para a Policía Local nun "ano estraño"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
A Policía Local de Pontevedra celebrou este xoves con atraso a súa festa patronal. Foi unha celebración marcada polas protestas laborais dos axentes nun ano que está a ser "estraño" para este corpo policial, como recoñeceu o Intendente, Daniel Macenlle.
Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, presidiu o acto ao que tamén acudiron representantes de todos os corpos de seguridade do Estado, a Subdelegada do Goberno, Ana Ortiz e o portavoz do grupo municipal do Partido Popular, Jacobo Moreira.
Durante o acto distinguiuse aos axentes que fixeron "máis do esixido" no cumprimento do seu traballo, así como aqueles que se xubilaron ou pasaron a formar parte dos planteis doutros municipios. Tamén houbo recoñecementos para cidadáns que "deron a cara ou mesmo puxeron en risco a súa integridade física por outros aos que nin sequera coñecían". Foron tres pontevedreses que non dubidaron en intervir ao atoparse ante "un dos crimes máis repugnantes que pode haber", a violencia machista.
O intendente da Policía Local insistiu na súa percepción de que "a sociedade é cada vez máis solidaria e preocúpase máis dos demais e da prevención do delito", o que se reflicte no número de servizos que se solicitan, moitos deles humanitarios, como acudir a persoas maiores que viven sós e que desaparecen, ou tamén o uso fraudulento dos cartóns de aparcadoiro para discapacitados, ou delitos contra a seguridade do tráfico .
Non evitou no seu discurso Daniel Macenlle unha referencia ao conflito laboral aberto. O Intendente da Policía Local explicou que durante o último ano "o ambiente non foi o máis idóneo". Nun colectivo como este "un ambiente de sosiego e de harmonía onde a xente veña pensando en desenvolver o seu servizo e estea concentrada no que ten que facer sempre é mellor que un ambiente de certa irritación, desmotivación", sinalou.
Lembremos que a orixe do conflito está en que os integrantes do corpo da Policía Local levan anos co soldo conxelado e mesmo reducido. Os representantes sindicais apuntan que en 2007 cambiaron de grupo de funcionarios a través da lei autonómica pero sinalan que en Pontevedra o cambio só afectou o soldo mínimo e non ao resto de suplementos. Afirman que necesitan equipararse a outros traballadores do Concello.
"A crispación fixo acto de presenza e o clima laboral non foi o máis idóneo, con todo houbo algo que sempre estivo presente, a profesionalidade e o compromiso coa cidadanía á que nos debemos", afirmou Daniel Macenlle nun discurso que foi aplaudido por todos os axentes da Xefatura local.
Macenlle expresou o seu desexo de que a situación se normalice pero advertiu que "para iso é necesario que as partes senten sosegadamente, analicen a cuestión, e cheguen a un acordo que faga desaparecer as causas que provocan esta situación. O diálogo é o único camiño, o único".
Antes de que empezasen os discursos da concelleira responsable de seguridade cidadá, Carme Da Silva e o alcalde, Fernández Lores, o grupo de policías que estivera protestando ás portas do Pazo da Cultura abandonou o salón de actos.