A XI Feira de Cuspedriños agarda superar os 4.000 visitantes da derradeira edición
Por Redacción
A XI Feira de Cuspedriños, que serve para rememorar os potentes mercados deste lugar de San Xurxo de Sacos a mediados do século pasado, contará con setenta postos espallados polos pendellos, o antigo mercado, a carballeira e a contorna da capela da Virxe do Carme e agarda superar os 4.000 visitantes da pasada edición.
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, que presentou este xoves o certame acompañado de membros do goberno local, amosouse confiado no éxito da cita e en superar o récord de público da décima edición: "a feira xa ten moita sona e está consolidada e ademais dende o Concello facemos un gran esforzo na súa organización e programación, polo que, unido ao gran traballo de promoción e ás boas previsións meteorolóxicas, que apuntan a unha xornada soleada con ata 25 graos, fannos pensar que recibiremos novamente a milleiros de persoas".
O Concello, que anima a todo público a acudir vestido de época para favorecer a ambientación do certame baseado nas feiras da década dos cincuenta, programou unha quincena de actividades que arrancarán ás 10.00 horas e se estenderán ao longo de todo o día.
O programa desta undécima edición contén as seguintes iniciativas:
- 10.00 horas. Apertura dos postos de artesanía, alimentación e outros trebellos e exposición de animais
- Animación todo o día a cargo de Os Trazantes de Tenorio, Os de Ningures e Os Afoutes.
- 11.00 horas. Inicio das actividades infantís
- 12.00 horas. Chegada e exposición de vehículos e autobús antigos
- 12.30 horas. Actuación de O Afiador
- 13.00 horas. Espectáculo de O Home Orquestra por toda a feira
- 13.30 horas. Actuación de Os Feirantes
- 15.30 horas. Segunda quenda de O Afiador
- 16.00 a 19.00 horas. Inicio das actividades infantís vespertinas e O Afiador na zona da capela
- 16.30 horas. Espectáculo de O Cego de Monifates
- 17.30 horas. pasarela de traxes tradicionais galegos
- 18.00 horas. Espectáculo de Os Feirantes
- 19.30 horas. Pase de serán de O Cego de Monifates
- 20.00 horas. "Tolemias de feira" do Mago Teto