Tino Fernández, "estupefacto" coa designación do arquitecto da obra do novo local social do Burgo
Por Redacción
O voceiro do grupo municipal socialista, Tino Fernández, amosou este mércores a súa sorpresa polo anuncio do concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez, de que a dirección das futuras obras de acondicionamento do local social de O Burgo, que se ubicará no estadio de Pasaron, estará a cargo do mesmo arquitecto que dirixiu no seu momento a remodelación do campo de futbol. Anunciou que preguntará polos motivos na próxima comisión de Réxime Interior e Patrimonio.
A noticia deixouno en "estado de estupefacción" e, tras coñecela, advirte ao goberno local que "vaian preparando xa unha modificación de crédito", en alusión a que a remodelación de Pasarón estivo marcada por sucesivas ampliacións do orzamento. Na súa opinión, "isto é como meter ao raposo a coidar do galiñeiro".
Ante o argumento municipal de que elixiron este arquitecto porque xa coñece a infraestrutura, Tino Fernández responde que ese é, precisamente, o seu principal problema, pois xa se sabe que, aos dous meses de iniciar a obra, pedía cinco millóns mais para modificar as cubertas que el proxectara.
"Só falta que se lle encargue tamén a revisión das posibles deficiencias", ironizou o socialista, que considera que en política as casualidades non existen e "parece moita casualidade esta coincidencia".
Tino Fernández critica que se algo caracteriza á obra de Pasarón é "o seu desmesurado sobrecusto, o descontrol na dirección de obra e as numerosas deficiencias detectadas polos usuarios unha vez finalizadas" e agora súmase esta "designación sorprendente".
Relacionadas:
-
Doce empresas optan a construción do futuro Local social do Burgo
Por Redacción |
-
Tino Fernández pide explicacións sobre a recepción do estadio de Pasarón
Por Oskar Viéitez |
-
Os veciños do Burgo contarán cun novo local social en Pasarón
Por Alejandro Espiño |
-
Tino Fernández esixe á Deputación que corrixa as deficiencias de Pasarón antes de entregalo ao Concello
Por Alejandro Espiño |