Pon de escusa á súa irmá para evitar unha multa e a súa nai delátaa
Por Natalia Puga
A Policía Local de Pontevedra denunciou nas tres últimas semanas un total de cinco condutores aos que localizaron realizando un uso irregular das prazas de estacionamento reservadas para persoas con discapacidade. Entre os denunciados hai diferentes casuísticas e circunstancias e unha das máis rechamantes ocorreu de madrugada cunha muller que puxo de escusa un traslado á súa casa da súa irmá con discapacidade, pero foi a súa propia nai a que desmentiu a súa versión.
Segundo informou a Policía Local, ocorreu sobre as 4.20 horas da madrugada na contorna da praza de Valentín García Escudero. Unha muller conducía un Peugeot 308 e aparcou nunha praza reservada para discapacitados. Cando os axentes comprobaron o seu estacionamento puideron verificar que tiña o cartón específico para esas prazas e que estaba a nome dunha muller, pero non dela, senón da súa irmá.
A preguntas dos policías, a muller explicou que cando aparcou o coche levaba á súa irmá, que ten discapacidade, e que tivo que deixalo alí para acompañala ata casa tras ir ao médico, que podían poñerse en contacto coa súa nai para verificalo. Con todo, os axentes puxéronse en contacto coa nai e indicoulles que a súa non filla non saíra de casa en toda a noite, de modo que a muller foi denunciada.
Este martes 6 de xuño a Policía Local denunciou un condutor que aparcou na contorna da praza de Barcelos e, cando o pillaron, relatoulles que viña desde Cangas acompañando a un familiar que si tiña cartón e discapacidade. Con todo, non puideron corroboralo e sancionárono.
O 20 de maio ás 12.50 horas na rúa Fernando Olmedo detectaron un condutor que si tiña discapacidade e cartón, pero nese momento levaba no coche un cartón non orixinal. Segundo relatou, tiña tres coches e unha copia en cada coche, ao que os axentes lle lembraron que era unha conduta irregular. Retiráronlle a copia e formularon denuncia.
Igualmente, o 29 de maio denunciaron en Augusto González Bicada un condutor co cartón caducado e o 22 de maio a en Eduardo Pondal a un que levaba un cartón que non lle pertencía, senón que era dun familiar falecido desde o ano 2015. El relatou que ese familiar estaba no hospital, pero os axentes comprobaron que era mentira e que, de feito, xa lle sancionaban no pasado pola mesma irregular.
Relacionadas:
-
Amizade felicita a Policía Local polo control do uso incorrecto da tarxeta de discapacidade para aparcar
Por Redacción |
-
'Cazan' unha moza sen problemas de mobilidade aparcando en prazas de discapacitados para ir o ximnasio
Por Redacción |
-
Denunciada por aparcar en prazas para persoas con discapacidade usando a tarxeta do marido morto
Por Redacción |