O goberno local sopesa acudir á vía expropiatoria para poder construír as beirarrúas en Campelo
Por Oskar Viéitez
O Concello de Poio sopesa acudir á vía expropiatoria para poder construír as beirarrúas de Campelo.
A vía da cesión gratuíta por parte dos veciños non chega ao 70% dos terreos necesarios para levar a cabo ao proxecto polo que o goberno local, ante a negativas dalgúns propietarios para chegar a un acordo de cesión voluntaria baralla a idea de acudir á expropiación.
No transcurso dun encontro coa presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, o alcalde de Poio, Luciano Sobral sinalou que aínda non trasladaron esta solución á Deputación de Pontevedra, que é a responsable da actuación. "Esperamos que as cesións sexan maioritarias", sinalou o rexedor.
A presidenta provincial destacou que o plan de construción das beirarrúas de Campelo "esta vez vai moi en serio" e lembrou que este proxecto de seguridade viaria de Campelo leva en trámites desde o ano 2012 pero agora "por primeira vez despois de tantos anos de promesas incumpridas", dixo Carmela Silva "a Deputación actuará en serio cun compromiso de verdade e non de anuncios antes dás eleccións".
"Por primeira vez non hai palabrería hai realidades e esa actuación en Campelo vai ser unha realidade", asegurou Silva respecto ao "compromiso total" do seu goberno local coa construción de beirarrúas desde a igrexa de Campelo ata o final da estrada, en Anafáns.
REACCION DO PP
Para o Partido Popular a "parálise" do proxecto das beirarrúas de Campelo é a demostración de que "é o bipartito quen bloquea Poio" e engaden que "dá igual quen estea na Deputación ou na Xunta. Sen traballo non se consegue nada".
O voceiro popular en Poio, Ángel Moldes, manifestou que aos membros do goberno municipal do BNG e o PSdeG "caeulles a careta despois de 22 anos de mentiras e desculpas de que bloquean outros" e asegurou que este proxecto non avanza pola súa "incompetencia para gobernar e tomar decisións".
"Moito nos tememos que estean facendo o mesmo que coa PO-308: enganando aos veciños e mentindo sobre os terreos que teñen cando en realidade non teñen nada", rematou Moldes.
Relacionadas:
-
Queixas populares polo mal estado das beirarrúas entre Campelo e Lourido
Por Redacción |
-
A Deputación e o Concello de Poio investirán máis de 2,8 millóns de euros en Campelo
Por Oskar Viéitez |
-
Ángel Moldes critica o goberno local por non solucionar os problemas dos veciños de Poio
Por Redacción |
-
O PP cre que Campelo quedará sen beirarrúas segundo o decálogo da Deputación
Por Redacción |