Entre os funcionarios da Deputación xa hai mestres composteiros
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Mariña Lobelle Varela é licenciada en Bioloxía, especialista en compostaxe e, desde este xoves, pioneira no funcionariado a nivel estatal. Tomou posesión como funcionaria interina do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra, converténdose, xunto a outros 17 compañeiros, nos únicos especialistas en residuos que existen nunha administración pública en España.
O vicepresidente provincial, César Mosquera, presidiu a toma de posesión dos 18 novos funcionarios interinos e destacou que hai concellos que teñen traballadores encargados dos residuos, pero é persoal que "non está formado nin ten a metade da vagaxe" do que acaba de incorporar a Deputación a través da convocatoria dun concurso oposición.
A incorporación destes especialistas en compostaxe, todos agás un mestres composteiros que xa comezaron a súa formación cunha bolsa da Deputación, supón un "salto adiante" que enriquece o mundo do tratamento de residuos, un corpo pouco tecnificado e con pouco coñecemento, tanto nas empresas como nas administracións.
Mariña Lobelle destaca que está de celebración e nunha situación que pouco imaxinaba cando botou a primeira instancia para formar parte do corpo de bolseiros do Plan Revitaliza. Desde entón pasou un proceso selectivo "moi duro" no que pasou as correspondentes probas, entrevistas e cursos formativos da bolsa da Deputación e, despois dun ano e de converterse en mestra composteira, preparou as oposicións. Agora "por fin recollemos os froitos" de tanto esforzo e empeza unha nova etapa na súa carreira profesional, "moi bonita, moi ilusionante, moi esixente tamén".
A esixencia vén dada porque comeza a segunda fase do Plan Revitaliza. A primeira foi máis demostrativa, de ensinar á xente o que era a compostaxe e agora toca a implantación nos concellos para que sexa xa unha alternativa real de xestión de residuos, pero Mariña está convencida de que o éxito será total, pois leva un ano traballando coa veciñanza e os "medos e descoñecemento" que atopou ao principio deron paso agora a unha situación na que "cada vez máis a xente xa sabe o que é a compostaxe e ten máis conciencia e sabe que é o camiño polo que hai que ir".
Esta nova funcionaria provincial destaca que xa desde que comezou todo o seu proceso a impresionou que unha administración pública "fora tan valiente" e agora está "abraiada da valentía e dos medios que se están poñendo para este proxecto e do ben que está indo".
Relacionadas:
-
Valencia aplaude a proposta de compostaxe descentralizada da Deputación de Pontevedra
Por Redacción |
-
Seis concellos pontevedreses estarán compostando preto do 100% dos seus residuos orgánicos a mediados do 2018
Por Oskar Viéitez |
-
Sae á rúa a segunda fornada de mestres composteiros
Por Oskar Viéitez |
-
O PP pide á Deputación un informe detallado do plan de compostaxe
Por Oskar Viéitez |
-
A compostaxe tamén é cousa de nenos
Por Oskar Viéitez |
-
Expertos internacionais de renome imparten leccións maxistrais na Facultade de Compostaxe
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
De visita escolar a… un composteiro
Por Redacción |
-
Un total de 164 persoas aspiran a traballar como funcionarias no plan provincial de compostaxe
Por Redacción |
-
A segunda promoción de mestres composteiros inicia a súa formación
Por Redacción |
-
Se queres optar ás oposicións á Deputación, segue lendo
Por Redacción |