Pontevedra homenaxea aos doantes cunha estatua nos xardíns do Hospital
Por Oskar Viéitez
"No conxunto do Estado somos un referente na doazón de órganos, de solidariedade", subliñou o alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, durante a inauguración este sábado dunha estatua "en homenaxe aos doantes e de agradecemento ás familias".
Lembraba o alcalde, acompañado do presidente de ADROVI (Asociación de doantes e receptores de órganos), Celso García, que dun doante poden beneficiarse ata 15 ou máis persoas. "Non ten custe. É un acto de xenerosidade e solidariedade e mellora e salva a vida das persoas", engadiu o alcalde.
A escultura en pedra dunha muller, unha doante de órganos, ocupa os xardíns do Hospital Provincial, que dan á nova praza, co fin de homenaxear aos doantes e concienciar á xente da necesidade da doazón.
Coa inauguración da estatua o Concello dá resposta á petición feita por ADROVI.