Paulo Sergio Gaia Maciel, novo director da fábrica de Ence en Pontevedra
Por Redacción
O Grupo Ence vén de comunicar que Paulo Sergio Gaia Maciel incorporouse a Ence Enerxía e Celulosa como director do Centro de Operacións da compañía en Pontevedra. Paulo Gaia é enxeñeiro químico, con master en tecnoloxía de pulpa e papel e master en Dirección e Administración de Empresas.
Achega unha experiencia de máis de 28 anos no sector da celulosa na área de dirección de plantas industriais, con experiencia en proxectos de optimización de procesos industriais, na implementación de sistemas de xestión de mellora continua. Gaia conseguiu destacados resultados en proxectos de mellora da seguridade, do medioambiente e a xestión de custos.
Tras a incorporación de Paulo Gaia, Antonio Casal Lago centrarase no desenvolvemento das súas novas responsabilidades como director de Desenvolvemento e Mellora Continua e director territorial de Ence en Pontevedra, que foron anunciadas o pasado mes de decembro.
Antonio Casal Lago estivo seis anos á fronte da fábrica de Ence en Pontevedra, durante os que obtivo "resultados históricos", segundo Ence, tanto en materia de mellora ambiental como operativa. Ademais, nesta etapa implantáronse as técnicas de mellora continua e calidade total nas que Ence basea a xestión de todos os seus centros de operacións.
Como novo director de Desenvolvemento e Mellora Continua do grupo Ence, Antonio Casal responsabilizarase do desenvolvemento de novos produtos e da I+D do negocio de Celulosa, ademais de coordinar a implantación da mellora continua en todos os centros de operacións do grupo. Como director territorial, será o representante e a cara visible de Ence en Pontevedra.