A recuperada Festa do Viño Tinta Femia volve a Cela esta fin de semana
Por Redacción
A XIV Festa do Viño Tinta Femia chegará esta fin de semana á parroquia de Cela con actuacións de música tradicional e degustacións e catas deste viño e o obxectivo de superar as 1.200 vendas da pasada edición.
A cita será esta fin de semana, os días 30 de xuño, 1 e 2 de xullo, e os asistentes terán a oportunidade de catar os viños dos colleiteiros Carmen Cerqueiro Pazos, José Curras Estévez, Antonio Dopazo Loira, Olivia Durán Freire, Manuel Fazanes Freire, Manuel Freire Carballo, Laura Freire Rouco, Eugenio Gil Álvarez, Manuel Novo Loveira e José Pena Crujeiras.
A festa presentouse este luns na praza de Abastos de Bueu coa participación de Fernando García, presidente da Asociación de Viticultores San Martiño de Bueu e organizador do evento; Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo; Xosé Leal, deputado de cultura e lingua; Antonio Portela, vicepresidente da Asociación Galega de Sumilleres; e Benigno de la Torre, que este ano será o pregoeiro.
O evento celebra este ano a 14 edición, tras recuperarse en 2016 despois dun parón de varios anos. A programación comezará este venres ás 20.00 horas cunha actuación de Manolo e Ramón, un dúo de acordeóns, e a Foliada a cargo do grupo de gaitas Retrouso de Cela.
O sábado será o día grande. Os festexos comezan ás 13.00 horas cun pasarrúas a cargo da Banda de Música Artística de Bueu e unha homenaxe aos furancheiros máis antigos. Ás 14.00 horas, Benigno de la Torre, xornalista e veciño de Bueu, lerá o pregón da festa. Ás 21.00 horas volverá actuar a agrupación Retrouso de Cela.
O domingo destaca a cata cega dos dez viños da festa, ás 13.00 horas, seguida da actuación do grupo folclórico Recordos da Nosa Terra. Xa ás 19.00 horas, entrega de premios e homenaxe aos colleiteiros, e para pechar sortearase unha caixa de viño Tinta Femia.