O Concello rexeita a desafectación dos terreos da antiga Pontesa
Por Alejandro Espiño
Os terreos que ocupa a antiga nave de Pontesa, en Ponte Sampaio, deben seguir sendo de dominio público. Así o defende o Concello de Pontevedra, que vén de informar negativamente sobre a solicitude da empresa que ten a titularidade da concesión para que os terreos sexan desafectados e poder mercalos a continuación.
A entidade mercantil Itaipi-Trape SL realizou esta petición diante do Ministerio de Medio Ambiente.
Segundo o informe municipal, a desafectación pretendida afecta a terreos gañados ao mar que formarían parte do dominio público marítimo-terrestre, conforme a lexislación vixente en materia de costas (art. 4.2 da Lei de Costas), polo que a súa desafectación só podería ser para recuperar a súa situación orixinal.
Ademais se considera que a contorna inmediata onde estaba a antiga fábrica non perdeu as súas características naturais de zona marítima-terrestre e polo tanto "estes terreos tan valiosos deberán permanecer como dominio público para garantir a súa protección e o uso público", sinala o documento técnico.
O informe alude tamén ao destino que se lle pretende dar aos terreos a desafectar, ao ser para a súa posterior adquisición en interese particular "privatizando e mudando o réxime xurídico duns terreos, que por ministerio da lei, deben destinarse ao goce libre de todos os cidadáns".