A rúa Echegaray terá restricións circulatorias mércores e xoves por obras
Por Redacción
A Policía Local de Pontevedra avisa da posta en marcha de medidas especiais de tráfico durante esta semana na rúa Echegaray con motivo da execución dunha serie de obras de canalización, fresado e asfaltado parcial.
As obras vanse executar o mércores 5 e o xoves 6 de xullo e vanse producir restricións circulatorias na propia rúa Echegaray e na intersección coa rúa Alameda.
O mércores día 5 tan só se permitirá a circulación de vehículos cun peso máximo de 3.500 quilogramos desde a rúa Alameda cara a Echegaray e o xoves 6 o corte será total á circulación de vehículos.
Entre as 8.00 horas da mañá e as 20.00 horas da tarde, o acceso á rúa Echegaray para os residentes con garaxe e para os que necesiten facer uso do servizo de carga e descarga vaise facilitar polas rúas Alameda, Doutor Marescot, Xeneral Martitegui e Alfonso XIII.