Un neno ferido nunha saída de vía dun coche sen carné en Cuntis
Por Redacción
Un neno resultou ferido e tivo que ser evacuado en ambulancia ao Hospital Quirón Miguel Domínguez de Pontevedra a causa dun accidente de circulación rexistrado na tarde deste mércores en Cuntis.
Segundo informou o Centro de Atención de Emerxencias de Galicia 112, o accidente consistiu nunha saída de vía dun coche sen carné e o neno ferido circulaba a bordo do mesmo.
O sinistro produciuse sobre as 16.30 horas deste mércores na estrada que conecta Cuntis con Moraña, á altura de Meira. Tras o accidente e a evacuación do ferido, o vehículo accidentado foi retirado da calzada coa axuda dun guindastre.
O 112 Galicia tivo constancia do ocorrido a través dun aviso do 061 e alertou ao GES da Estrada, a Protección Civil de Cuntis e á Garda Civil de Tráfico.