Denuncian a ausencia de vixilancia e seguridade nos xulgados de Germán Adrio
Por Redacción
A situación nos xulgados do contencioso administrativo de Pontevedra, situados na rúa Germán Adrio, é "alarmante" segundo os seus propios traballadores. Aseguran que non contan con ningún tipo de vixilancia, nin da Policía Nacional nin da Garda Civil, para garantir e protexer a súa sede xudicial.
Esta situación xa foi denunciada no seu día polos propios traballadores "sen que ata o de agora tivese emenda", malia telo acordado normativamente. Ademais, as maxistradas e letradas dos tres xulgados contenciosos fixeron a mesma petición por conduto regulamentario.
As protestas, que veñen de ser expostas polo sindicato Alternativas na Xustiza-CUT, incluíron unha recollida de sinaturas que apoiaron todos os traballadores destes xulgados.
O sindicato recorda que, segundo o convenio de colaboración e coordinación subscrito entre o Ministerio do Interior e a Xunta de Galicia en materia de seguridade nos edificios da administración de xustiza en Galicia, axentes das forzas e corpos de seguridade do Estado deben vixiar e protexer as instalacións e edificios xudiciais galegos.
O convenio fixa que se deben establecer as quendas necesarias de vixilancia e protección para garantir a seguridade en todos os edificios xudiciais. Estes servizos de vixilancia e protección serán realizados por membros do corpo da Garda Civil, en situación de reserva, e do corpo nacional de Policía, en situación de segunda actividade ou activo.
Ante este incumprimento, os traballadores e os delegados de Alternativas na Xustiza-CUT esixen que de xeito "urxente" se poñan os medios necesarios por parte da administración a fin de salvagardar a seguridade tanto dos traballadores como dos cidadáns que acoden a estes xulgados de Pontevedra.