A Xunta culpa aos novos contadores dos problemas eléctricos dos xulgados de Germán Adrio
Por Redacción
A Xunta, a través da súa Consellería da Presidencia, garante que nos próximos días quedarán solucionados os problemas eléctricos que están a afectar aos Xulgados do Contencioso da rúa Germán Adrio, en Pontevedra.
O problema vén motivado polo cambio dos contadores que executou a compañía eléctrica e que son de obrigado cumprimento para os usuarios. Así, nestes xulgados instalouse un contador dixital que ao exceder o límite de potencia contratada provoca que salte o diferencial e se vai a luz do inmoble.
Polo tanto, non se trata de ningún novo sistema instalado pola Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, senón dunha modificación do contador de execución obrigatoria e para o que a Xunta, xa desde finais do mes de outubro, solicitara un aumento da potencia eléctrica.
Tendo en conta os prazos que manexa a subministradora eléctrica para materializar a petición, está previsto que nos próximos días se faga efectivo o cambio de potencia e, consecuentemente, rematen os actuais problemas motivados pola caída do subministro eléctrico.
Por último, a Consellería de Presidencia quere destacar que mentres non finalice esta actuación, o persoal de mantemento está permanentemente no edificio co fin de garantir o normal desenvolvemento da actividade xudicial e minimizar, por tanto, os prexuízos que poidan sufrir tanto o persoal dos xulgados como os cidadáns usuarios destes.