Queixas polo exceso de carga de traballo na limpeza dos xulgados
Por Redacción
O sindicato CIG denuncia o exceso de carga de traballo que están a sufrir os traballadores da limpeza no edificio dos Xulgados da Parda.
Sinalan que na actualidade hai moitas baixas por enfermidade que a administración autonómica deixou de cubrir, asumindo estas tarefas o resto do persoal en activo.
Esta actuación está a producir que, concretamente os xulgados de A Parda en Pontevedra, "non poidan ser limpados na súa totalidade dado que só está en activa a terceira parte do cadro de persoal".
Os representantes dos traballadores lamentan que a administración autonómica non acuda ás listas de contratación existentes na Xunta para suplir esas baixas laborais.
A central sindical nacionalista lembra que ao persoal de baixa se lle aplican nos primeiros 20 días grandes descontos na súa nómina, "pero a administración autonómica non fai uso dese aforro na contratación de substitutos, o que dificulta sobremaneira a realización do traballo ao ser unha carga inasumible para o persoal que segue en activo en ditos centros".
A CIG esixe a inmediata cobertura do persoal de limpeza dos xulgados, especialmente na Parda.