Patrimonio entrega o proxecto de restauración da ponte de San Lourenzo
Por Redacción
Un paso máis para a ansiada restauración da ponte de San Lourenzo. Patrimonio da Xunta remitiu ao Concello da Lama o proxecto básico de execución para rehabilitar esta infraestrutura, que une A Lama e Cotobade sobre o río Barbeira en Escuadra.
O proxecto remitido ten por obxecto a correcta definición das obras para realizar e deste xeito, unha vez aprobado polas administracións competentes, servir de documento para proceder á contratación e posterior execución das obras, que espera o rexedor que sexa canto antes.
Así, o alcalde da Lama, Jorge Canda, e o presidente da Asociación Cultural da Ruta do Río Barbeira, Daniel Vidal, manifestaron a súa satisfacción por ver cada vez máis preto o desexo de recuperar para uso veciñal e turístico este antigo e pintoresco viaduto que data do século XIX.
O proxecto a executar pretende corrixir, en primeiro lugar, as deficiencias detectadas na fábrica da ponte que aínda que non implican ningún tipo de risco de inestabilidade estrutural a medio prazo, pois a súa incidencia na súa conservación é reducida, si que deben ser reparadas xa que algunhas delas son bastante visibles.
Os técnicos determinaron que a ponte se acha situada nun lugar relativamente sombrío e húmido polo que hai unhas boas condicións para o crecemento da vexetación na fábrica da ponte.
Dentro dela hai algunhas que, polo seu efecto pernicioso, proponse a súa eliminación como son as hedras, silvas, arbustos e pequenas árbores enraizadas na fábrica. Outro tipo de vexetación como brións e líquenes non se verá afectada, globalmente, pola limpeza dos paramentos.
Outras actuacións que se prevén son eliminar a abundante herba que crece entre as laxas da calzada que impide apreciar a boa calidade contractiva e o seu bo estado de conservación deste pavimento.
Considérase ademais oportuna a súa limpeza e apertura das xuntas ata unha profundidade de 10 centímetros, para o seu posterior recheo cun material granular tipo xabre, o cal terá na súa composición unha porcentaxe adecuada de arxila que facilitará a súa compacidade e a impermeabilización da plataforma.
Por outra banda, o dano que presenta o tímpano ao lado augas arriba proponse emendar mediante o desmonte previo dos mampostos desprazados, a preparación do oco xerado e montaxe das pezas existentes e recuperalas coa achega das que falten con mampostos cunha cara vista con similares características ás existentes.
Polo que respecta á base do taxamar, detéctase visualmente a existencia dun sillar desprazado da súa posición, posiblemente por un impacto do arrastre dalgunha árbore de envergadura durante unha riada que puidese ocasionar o dano, polo que se considera que debe colocarse na súa localización orixinal, pois tal como está un segundo impacto durante unha crecida podería arrincalo.
A peza terá as dimensións adecuadas máximas para que poida ser introducida, e unha vez colocada inxectarase na xunta previamente acuñada con lascas de cuarcita ou láminas de aceiro inoxidable introducidas a unha profundidade tal para que non se vexan.
Nas fiadas baixas de mampostería de maior ou menos regularidade prevese que se efectúen uns recalces para encher os ocos existentes pola perda de pezas. Preténdese encaixar pedras do tamaño adecuado, trasdosada de formigón de cemento branco e rejuntado profundo con morteiro. Realizarase estas operacións nas bases de ambos os estribos e no lado esquerdo da pila.
Finalmente, aconséllase no proxecto repoñer o tramo de pretil que falta con pezas de sillería aplantillada con características similares (cor, dureza, labra, dimensións, etc.) ao pretil conservado. A lonxitude de cada unha estará comprendida entre os 50 e 80 centímetros. Para asegurar a súa estabilidade deberanse arriostrar lateralmente cun canto rodado introducido nos ocos preparados para o efecto.