Os viais de Meiro-Ermelo e de rúa Nova-A Rosa, prioridades do Concello de Bueu e a Deputación
Por Oskar Viéitez
Os técnicos da Deputación de Pontevedra visitaron este xoves diversos lugares do municipio de Bueu para ver as obras máis prioritarias en canto ao mantemento viario. Así, Félix Juncal, alcalde de Bueu, tamén estivo presente xunto ao concelleiro de obras e servizos, Fidel Castro, e o deputado de cultura, Xosé Leal.
No marco desta visita técnica, Juncal destacou que a prioridade que dende o Concello se lle trasladou á Deputación de Pontevedra que se melloren as estradas que van dende a Rúa Nova ata a Rosa en Beluso, e de Meiro ata Ermelo. Esta urxencia susténtase no mal estado de conservación dos dous viais, e por iso se vai mellorar a seguranza peonil nestas zonas nos que hai unha gran afluencia de persoas que percorren o lugar.
No caso concreto de Meiro - Ermelo, trátase dun vial no que fai unha década se aplicou un plan de ensanchamento que non se completou. Por iso, a día de hoxe, é unha actuación prioritaria que urxe rematar e na que se van incluír tamén espazos seguros para facilitar a mobilidade das persoas nos núcleos de poboación.
OBRAS DE REXENERACIÓN DA CONTORNA DE ERMELO
A visita estendeuse ás obras de rexeneración da contorna de Ermelo que se realizan con cargo ao Plan de Obras e Servizos da Deputación de Pontevedra e que estarán culminadas esta semana. Ademais, o alcalde declarou que nas vindeiras semanas o Concello dotará o espazo de bancos, marquesiña e iluminación para complementar esta actuación.
A obra, acometida pola empresa Rocas Graníticas del Condado cun custe de 77.000 euros incluíu a substitución do pavimento de asfalto por outro de mestura entre o adoquín e o enlousado de granito, co que se busca unha revalorización deste núcleo histórico tradicional. Neste sentido, os tendidos eléctricos tamén foron soterrados e creouse unha canalización, tamén soterrada, para a recollida de augas pluviais.
Con motivo de inaugurar esta obra, dende o Concello de Bueu estase organizando un acto especial do que se darán a coñecer detalles nos vindeiros días.