O PP rodéase de colectivos e alcaldes para denunciar os "dous anos de desgoberno" da Deputación
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
O lema elixido polo goberno bipartito da Deputación de Pontevedra para resumir os dous primeiros anos de mandato, 'Máis Equidade. Máis Servizos', non só non convence ao partido líder da oposición, o PP, senón que lle serviu para, dándolle a volta, facer o seu propio resumo desta etapa. 'Menos Equidade. Menos Servizos' foi o slogan elixido para un acto co que este xoves fixeron balance do que considera que foron "dous anos de desgoberno".
Os portavoces do grupo provincial do PP, Nidia Arévalo e Ángel Moldes, rodeáronse de deputados, 15 alcaldes do seu partido na provincia e representantes de colectivos veciñais, sociais, culturais e deportivos de todas as comarcas pontevedreses nun acto celebrado nos Xardíns de Vicenti para valorar e criticar as políticas do bipartito PSOE-BNG.
Nidia Arévalo considera que hai cinco palabras que definen os dous anos de goberno da Deputación: palabrería, mentira, desinformación/descoñecemento, (falta de) proxecto e paralización. En base a esas cinco palabras foi articulando un acto no que deron a palabra aos colectivos e alcaldes como persoas que sofren máis directamente as políticas do goberno provincial e de dous partidos -PSOE e BNG- aos que consideran "expertos en dicir algo e facer o contrario".
Ángel Moldes explicou que queren dar voz aos colectivos e alcaldes para poñer sobre a mesa as incoherencias do goberno provincial, aos que atribúe, por exemplo, unha política na que "a xente do rural non ten auga potable nin saneamento, pero empezan a poñerlle 'lombos'".
Para falar deste tema deron a palabra a Eulogio Sartier, portavoz de 'O Rural Existe', o novo colectivo nado en Pontevedra contra a proliferación de 'lombos' e en defensa das parroquias, que criticou que a Deputación Provincial non os recibe nin os deixa falar e agradeceu a oportunidade dada polo PP para expresar a situación do rural.
A retirada de dous millóns de euros que o goberno anterior entregaba aos colectivos sociais tamén entrou no debate. Unha nai de Vigo cunha filla con discapacidade criticou que "esta Deputación o que prima é a cor, non a necesidade" e, mentres co goberno provincial do PP "sempre tiñamos a man aberta", agora "non temos nin a man".
A situación dos traballadores de Ence e Elnosa, o peche da Escola de Gaitas ou a ausencia de investimentos nos campos de herba sintética tamén tiveron o seu protagonismo no acto a través de colectivos afectados mentres que os alcaldes de Cotobade, Moraña e Meis, Jorge Cubela, Luisa Piñeiro e José Luis Pérez, tomaron a palabra para explicar como se viron prexudicados os concellos de menor tamaño.
A situación do Parque de Maquinaria deixoulnos sen un servizo que consideraban fundamental para vertebrar o territorio cun mellor mantemento das estradas e considéranse prexudicados pola paralización de proxectos xa aprobados polo Goberno anterior, por un importe total de oito millóns de euros. No caso de Moraña, Luisa Piñeiro asegura que "non está paralizada, senón anulada" a pesar de que, cando chegou a nova Deputación, a obra xa levaba meses en marcha e pagouse o 100% das expropiacións.
O alcalde de Meis, pola súa banda, criticou que "o que queren estes amantes da liberdade é que calemos", en alusión á falta de voz que teñen na Deputación os concellos do PP, e pediu aos seus responsables que "non se fixen nos alcaldes, senón nos veciños".
Relacionadas:
-
O PP urxe a través dunha moción que o Concello e a Deputación busquen "diálogo e consenso" no rural
Por Redacción |
-
Máis de 40 lombos redutores de velocidade para Marín e Bueu
Por Redacción |
-
O PP reorganízase na Deputación e cambia catro dos seus deputados
Por Alejandro Espiño |
-
PSOE e BNG sopran as velas do seu segundo ano á fronte do goberno da Deputación
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |