O novo PXOM de Ponte Caldelas está rematado e a piques de ser remitido á Xunta
Por Redacción
O Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Ponte Caldelas está cada vez máis preto. O Concello rematou a súa redacción despois de reelaboralo para adaptalo á Lei do Solo e nun prazo "breve" enviarao á Xunta de Galicia, para comezar os trámites para a súa aprobación.
Segundo informou o Concello a través dun comunicado, o equipo redactor do documento presentoullo este xoves ao goberno local e a oposición despois dun ano de intenso traballo para adaptalo ás modificacións introducidas pola Lei do Solo de 2016.
O alcalde, Andrés Díaz, presidiu a xuntanza, na que o equipo redactor presentou os novos planos adaptados, incluíndo as delimitacións dos núcleos rurais tradicionais e comúns, respectivamente, que teñen cambiado substancialmente coa nova normativa.
A proposta do equipo redactor, evitouse a entrega de documentación para impedir a súa difusión ata o trámite de exposición pública, que chegará unha vez que se produza o informe previo da Xunta de Galicia e o plan se someta a aprobación inicial.
Andrés Díaz subliña que o PXOM é un documento moi importante para o futuro de Ponte Caldelas, pois as actuais normas subsidiarias datan de 1993, e dende 1995 están sen actualizar. Especialmente relevante é para todas as persoas propietarias de vivendas que, a día de hoxe, están cualificadas como fóra de ordenación e que poderían ver regularizada a súa situación urbanística.
O PXOM de Ponte Caldelas é unha vella aspiración municipal, pero sufriu un duro golpe en 2006, despois de que a Xunta emitira un informe previo negativo con máis dun cento de observacións contrarias.