Unha nova praza peonil, similar á do Hospital, unirá Cruz Vermella con Padre Gaite
Por Alejandro Espiño
A Cruz Vermella chegarán proximamente as obras de reforma urbana. O Concello presentou este venres unha actuación que cambiará por completo a fisonomía do tramo final da rúa, desde a Praza da Castaña ata cale Padre Gaite. O goberno municipal prevé investir 1,4 millóns de euros neste ámbito urbano.
Demetrio Gómez, responsable de Obras, explicou que este proxecto busca "dar continuidade" á reforma iniciada no seu día e forma parte das emendas presentadas por Marea Pontevedra ao orzamento. Con ela búscase dotar a esta zona "tan populosa" de criterios de calidade urbana, seguridade viaria, acougado de tráfico e preferencia peonil.
Así, a principal revolución será a creación dunha nova praza peonil, de aspecto similar á habilitada fronte ao Hospital Provincial. Estará situada na intersección de Cruz Vermella e Padre Gaite, onde existen "tres focos importantes" de tránsito a pé como son o pavillón universitario, o colexio Manuel Vidal Portela e as instalacións da Cruz Vermella.
Suprimirase, por tanto, o actual carril de circulación e os aparcadoiros, nivelando todo o pavimento con lastras de aspecto similar aos de Gutiérrez Mellado. O paso de vehículos estará garantido, en todo caso, para a Cruz Vermella que, ademais, terá unha zona de aparcadoiro reservada para as súas propias necesidades.
A primeira parte do proxecto, que abarcará Cruz Vermella desde a Praza da Castaña e as rúas Álvaro Cunqueiro e Portela Pazos, terá a mesma solución estética que o primeiro tramo da rúa, entrando por Padre Amoedo. Crearase así un "bucle" para que toda a mazá con Santa Clara "quede reducida" case na súa totalidade ao tráfico de residentes.
Terán beirarrúas superiores aos tres metros e o aparcadoiro estará situado na marxe dereita da rúa.
En Padre Gaite renovarase toda a beirarrúa pegada ao pavillón universitario e Cruz Vermella, onde se habilitarán os aparcadoiros que se suprimirán alén da rúa -pegados ao CGTD- e retiraranse os grandes prátanos, que estaban a crear "graves problemas" coas súas raíces e as súas ramas tanto no pavimento como nos tellados dos inmobles.
A reforma urbana incluirá a renovación de todos os servizos de saneamento, abastecemento de auga, electricidade ou fibra óptica, así como a iluminación da rúa. Todo iso en bastante mal estado.
Ademais, como melloras na licitación, inclúese arrombar o cruzamento de Cruz Vermella con Padre Amoedo e a reforma da Praza da Castaña, onde o goberno municipal pretende retirar o actual bloque de pedra con céspede na súa parte alta, para crear unha praza máis aberta que terá un tratamento similar á da nova praza que se abrirá ao final da rúa.
Xunto coa nova iluminación e a praza peonil, o principal cambio do barrio será o arboledo. O Concello prevé plantar 33 árbores de diferentes especies en todo este ámbito.
En Cruz Vermella, igual que no resto da rúa, plantaranse oito cinamomos; mentres que en Álvaro Cunqueiro e Portela Pazos colocaranse sete praderos reais, iguais aos de Sobrino Buhígas. En Padre Gaite, en lugar dos prátanos, haberá seis telleiras dunha variedade que, por agora, non existe en Pontevedra; e na nova praza manteranse tres plátanos diante do colexio e colocaranse nove magnolios.
Todas estas obras, avanzou, Demetrio Gómez, terán un prazo de execución duns dez meses.
O proxecto será exposto no barrio nas próximas semanas e, á volta do verán, celebraranse asembleas veciñais para explicar os detalles desta actuación e recoller as achegas que poidan presentar os residentes desta zona da cidade.
Relacionadas:
-
A reforma de Cruz Vermella interesa a trece empresas
Por Alejandro Espiño |
-
Licitan a reforma do treito final da rúa Cruz Vermella
Por Redacción |
-
A contorna da sede da Cruz Vermella só contará con aparcadoiros para servizos
Por Redacción |
-
Xa hai cartos para afrontar a reforma da rúa Cruz Vermella
Por Alejandro Espiño |
-
O goberno local presenta unha modificación de crédito para financiar a reforma da rúa Cruz Vermella e outras melloras
Por Oskar Viéitez |